Friday 10 de May de 2024

A estrutura organizativa do goberno local será similar á do mandato anterior


Os Plenos ordinarios celebraranse cada dous meses e a Xunta de Goberno, semanalmente. Haberá dúas Comisións Informativas Permanentes.

A nova Corporación municipal da Laracha reuniuse hoxe nunha sesión extraordinaria do Pleno na que os puntos da orde do día xiraron en torno á organización do Goberno municipal e da estrutura interna do funcionamento dos diferentes órganos colexiados durante o mandato que acaba de comezar.

En primeiro lugar deuse conta da constitución dos tres grupos políticos da Corporación, cos seus correspondentes integrantes e portavoces. O grupo municipal do Partido Popular estará formado por doce concelleiros, o grupo do BNG terá tres e o do PSOE, dous.

As sesións ordinarias do Pleno celebraranse cada dous meses, no último xoves (ata agora eran os venres) de cada mes impar, ás 13:30 horas.

Acordouse que o Concello terá unha organización de goberno similar á do mandato anterior, estruturada no Alcalde (José Manuel López Varela) e en catro concellerías delegadas -inicialmente, con dedicación exclusiva só para as tres primeiras-:

• José Ramón Martínez Barbeito manterase como concelleiro delegado das áreas de Persoal, Medio Ambiente, Servizos Municipais, Feiras e Mercados.

• Patricia Bello Canedo seguirá como edil delegada en materias de Ensino, Cultura, Deportes, Xuventude, Turismo e Festas.

• Rocío López Rey continuará ostentando as delegacións en Sanidade, Servizos Sociais, Igualdade, Emprego e Promoción Económica.

• Pablo Cambón Bértoa asumirá Patrimonio, Obras e Urbanismo.

Ademais, José Ramón Martínez Barbeito repetirá como primeiro tenente de alcalde e Alberto Blanco Veiga será o segundo.

Do mesmo xeito que en mandatos precedentes, haberá dúas Comisións Informativas Permanentes: a de Asuntos Económicos, Facenda e Especial de Contas e a de Asuntos Xerais do Pleno.
En ambos casos estarán integradas por membros dos tres grupos políticos da Corporación proporcionalmente á súa representatividade: sete do grupo do PP, dous do BNG e un do PSOE.

Nomeouse como membros da Xunta de Goberno a José Ramón Martínez Barbeito, Alberto Blanco, Almudena Martínez, Verónica Pérez e Juan Carlos Amado (os tres últimos, formarán parte deste órgano por primeira vez ao tratarse de novos concelleiros), todos eles do grupo municipal do Partido Popular. Terá unha periodicidade semanal, sendo as sesións ordinarias os mércores hábiles. Na sesión de hoxe tamén foron aprobadas as atribucións delegadas polo Pleno na Xunta de Goberno co propósito de facer máis operativos os trámites das cuestións ordinarias.

Foron designados os membros con carácter permanente da Mesa de Contratación. O presidente será o alcalde (poderá delegar no primeiro ou no segundo tenente alcalde) e os vogais, a secretaria e o interventor da Corporación municipal.

Tamén foi aprobada a designación dos representantes do Concello nos diferentes órganos colexiados.
Ademais, manteranse os mesmos dous postos de traballo como persoal eventual, sendo os de asesores de gabinete de Alcaldía e de medios de comunicación.

A sesión plenaria rematou co sorteo das mesas electorais para os comicios xerais ao Congreso e Senado do vindeiro día 23 de xullo.